Friday 03 de May de 2024

A Semana do Mar desenvolverase do 19 ao 28 de agosto


Baixo a premisa de poñer en valor o vínculo da Pobra do Caramiñal co mundo mariño, bota a andar unha nova edición da Semana do Mar. A Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), presenta así unha programación con propostas para tódolos públicos. As actividades comezarán no día 19 co mercado mariñeiro que se estenderá ata o 22, situándose na praza Alcalde Segundo Durán. No 20 terá lugar a charla A pesca artesanal e sostible. Orgullo do noso, da man de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son e divulgador sobre o seu oficio. Será ás 20.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán. Nesa mesma xornada, as mariscadoras da Asociación Mar da Pobra explicarán o seu labor nunha xornada de turismo mariñeiro que transcorrerá na praia dos Raposiños. A visita sairá da oficina do turismo ás 10.30 horas.

Para o día seguinte, 21, configúranse dúas propostas. Por unha banda, o percorrido do Camiño de Santiago A Orixe ó seu paso pola Pobra do Caramiñal, guiado pola Asociación Amigos do Camiño do Barbanza A Orixe. O punto de encontro será na explanada portuaria ás 09.00 horas e tamén haberá autobús para realiza-lo desprazamento ata a praia da Corna, de onde partirá a ruta que finalizará no centro urbano. Deste xeito, farase a pé un tramo do itinerario. Así mesmo, na praia dos Areos, dende as 11.00 ata as 12.30 horas, desenvolverase a actividade infantil A pesca-la troula que consistirá en contacontos, títeres, maxia mariñeira, contaxogos etcétera.

E, finalmente, no día 28, o xornalista Manuel Gago ofrecerá un paseo guiado polo litoral pobrense. Titulado Contos, lendas e historias a carón do mar, o percorrido comprende dende a praia da Illa ata o convento de Santo Antonio. Establécese como punto de encontro a explanada portuaria, ás 10.45 horas, dende onde un autobús trasladará as persoas participantes ata o referido areal.

Tódalas actividades están suxeitas a grupos limitados e ó uso da máscara. Agás para o mercado mariñeiro, requírese a inscrición previa no teléfono 981843280, marcando a extensión 2035, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou presencialmente no punto de información turística, situado na Casa Mariñeira, de luns a sábado.

Máis información na propia oficina do turismo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal, ou a través dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.